Guía de uso · Armadora

Toda a frota en regra, dunha ollada

Oito pasos para pasar do teléfono e do WhatsApp a un panel onde cada barco e cada tripulante ten o seu estado en tempo real.

Paso 1 · Que resolve

Un barco parado en porto por un papel caducado custa entre 5.000 e 20.000 € ao día, e o RD 1028/2002 fixa multas dende 601 € por documentación non válida. EnrolaMar avísate antes de que ocorra e déixache o enrole listo para presentar.

Paso 2 · A túa conta e o teu equipo

Cada empresa é un equipo. Dende o selector da barra lateral cambias de equipo se xestionas máis dun, e convidas a quen traballe contigo (xerente de frota, inspector, crewing) para que vexa o mesmo ca ti.

Paso 3 · Dá de alta as túas embarcacións

En «Embarcacións» creas cada barco coa súa ficha: matrícula, NIB, bandeira, indicativo de chamada, eslora, manga, puntal, potencia e arqueo, ademais da súa lista de rexistro e a súa escala (baixura, altura ou gran altura). A lista decide que documentos lle corresponden.

Paso 4 · Sobe a documentación do barco e programa os seus mantementos

Dentro de cada embarcación tes unha fila por tipo de documento e o catálogo de mantementos e revisións (balsa, extintores, ánodos, ITB…). Ao marcar un como realizado, o sistema programa só a seguinte revisión. Mentres falte algún documento da lista, o barco non sae en regra.

Paso 5 · Monta o teu persoal

En «Persoal» buscas perfís verificados por título, zona e dispoñibilidade, e convídalos: o tripulante acepta e a partir de aí ves os seus documentos. Se alguén da túa tripulación non vai usar nunca a app, podes dalo de alta ti declarando que te autorizou, e subir os seus papeis por el.

Paso 6 · Publica ofertas de embarque

En «Ofertas» publicas unha vacante co seu cargo, zona de navegación e porto. Aparece no taboleiro de todos os tripulantes e os candidatos inscríbense sós: ao inscribírense danche acceso á súa documentación para que comprobes se está en regra.

Paso 7 · Enrola a bordo

Dende a ficha da embarcación escolles tripulante e cargo a bordo. Debaixo da táboa, a tira de dotación mínima dache os departamentos que quedan cubertos (ponte, cuberta, máquinas…). É orientativa: a cifra vinculante é o Certificado de Tripulación Mínima de Seguridade que emite Capitanía.

Paso 8 · Presenta o enrole e vixía o cumprimento

En «Enroles» xeras o formulario de Capitanía precuberto cos datos do barco e do tripulante. E en «Cumprimento» tes o semáforo de toda a frota, os avisos a 60, 30 e 15 días de cada caducidade e as túas notas privadas sobre cada tripulante, que só ve o teu equipo.

Preguntas frecuentes

Por que a miña embarcación está en ámbar se non ten nada caducado?+
O semáforo do barco non mira só o que subiches, senón o que o barco debe levar segundo a súa lista de rexistro. Vermello: algún documento subido está caducado. Ámbar: falta por subir algún documento dos que lle corresponden, algún caduca en menos de 60 días, ou a tripulación enrolada deixa sen cubrir algún departamento da dotación mínima (por exemplo, un altura sen ninguén en máquinas). Verde: todos os papeis están subidos e en vigor, e a dotación cuberta. Un barco recén creado sae en ámbar ata que o completas. O que falta nunca se pinta en vermello: EnrolaMar sabe que o papel non está na plataforma, non que non estea a bordo.
Que documentos dun tripulante podo ver?+
Os de quen aceptou conectarse contigo (aceptou a túa invitación ou inscribiuse nunha oferta túa) e os do persoal que ti mesmo deches de alta. Do resto só ves o perfil público: nome, título, zonas, dispoñibilidade e días de mar. Cada apertura dun arquivo queda rexistrada.
E se o tripulante revoga o acceso?+
Deixas de ver os seus documentos dende ese momento. É o seu dereito e é o que fai que a plataforma cumpra o RXPD. Os enroles xa rexistrados non desaparecen.
Por que teño que declarar que me autorizou para dalo de alta?+
Porque gardar os certificados dunha persoa esixe unha base legal. Esa declaración queda rexistrada e é o que te ampara para ter os seus papeis. Se esa persoa se rexistra despois coa túa invitación, adopta o seu propio perfil e pasa a decidir ela.
Quen paga e canto?+
A subscrición págaa a empresa, por embarcación, con plans distintos para baixura, altura e frotas. O tripulante non paga nunca. En moitos casos a cota asúmea a confraría, a OPP ou a aseguradora: escríbenos e vémolo.
EnrolaMar presenta a alta en Capitanía por min?+
Hoxe xérache o formulario precuberto para que o subas ti nun clic. A presentación automática e, máis adiante, a integración directa coa sede electrónica do Ministerio están no plan.

Queres velo coa túa frota?

Montámosche unha demo cos teus barcos e a túa tripulación real, sen compromiso.

Buscabas a outra guía? Ver a guía para tripulantes